Monday, May 18, 2009

mercedes Vieto Bouza by Sonia Enjamio Exposito


Mercedes Vieito
Mestra, xornalista e amante da xustiza social


Cuba 1887 - Cuba 1960

Ámbitos de ocupación...
Docente
Medios de Comunicación
A saudade e o cariño cos que o inmigrante, en todos os tempos, identifica a súa terra natal perdura coa vida a pesar da transformación que sofre no día a día da sociedade receptora. Moitos mantéñena vixente nos seus recordos... non obstante, é difícil escribir sobre unha persoa nacida en Cuba, que sentiu tanto amor á terra dos seus pais e que dedicou a súa vida á defensa da identidade cultural galega.

A cubano-galega Mercedes Vieto Bouza é paradigma destes sentimentos. Filla de José Vieito Freire e Rosa Bouza Maseda, inmigrantes das Somozas (A Coruña). A identidade galega destes vai ser fonte de sólidos principios e do seu futuro quefacer literario. Nacida no populoso e modesto barrio Jesús María da capital, o 11 de febreiro de 1887, a preocupación dos seus pais foi a de abrirlle un horizonte cultural que lle posibilitase a inserción na sociedade cubana daquel entón e proporcionáronlle unha esmerada atención á súa preparación como mestra elemental, coa que anos despois puidese manter o sustento económico.

A súa inquietude vocacional levouna de moi nova a iniciar os seus primeiros pasos como periodista na revista Galicia, en 1903, nunha sección titulada "Rápidas", onde escribe baixo o pseudónimo de Zoraida, que manterá até 1905.

O ano 1905 marcou un momento significativo na súa tarefa periodística. Unha diáspora multifacética caracterizou os seus artigos na referida revista - o rexionalismo autonómico como necesidade crucial uniuse a preocupacións polos seus coterráneos -, en especial da galega inmigrante. Obtivo os seus maiores logros como periodista entre 1910 e 1930, nas revistas Galicia e Eco de Galicia; nesta última aparece como directora desde 1934 até o seu peche en 1936.

A defensa dos sectores máis humildes da rexión galaica foi expresada en diversos artigos. Impulsou a creación de escolas e bibliotecas nas aldeas natais polas sociedades comarcais existentes e impulsou, con gran combatividade, o movemento agrarista da década de 10 de século XX, contra a oligarquía e o caciquismo.

Tivo unha participación activa na sociedade "La Aurora de Somozas" promovendo diversas actividades na defensa da identidade cultural galega. Nas Memorias desta sociedade publicadas en 1935 é a única muller recoñecida como "somozana ilustre", aparece no cadro directivo e de honra ao recibir os títulos de fundadora, secretaria e presidenta de honra. O seu amor cara á terra dos seus proxenitores levouna, xa en datas próximas ao seu falecemento, a querer que o seu corpo fose sepultado no panteón desta sociedade, feito acaecido o 3 de xaneiro de 1960 en Cuba, cando tiña 73 anos.

En 1918 casou co somozano José López y López, co que tivo 4 fillos. Reincorporouse á revista Eco de Galicia e ao mesmo tempo exerce de mestra. Creou a súa escuela "La Aurora" no barrio de Luyanó para o ensino primario de nenos de ambos os sexos. Nela impartía as súas leccións co recordo unhas veces da amada Galicia e outras co das loitas dos cubanos na súa historia. Foi unha fervente difusora do pensamento do apóstolo de Cuba, José Martí.

Tivo dous momentos de grande impacto e significación emocional na década dos 20. O primeiro, coñecer a amada terra galega cos seus tres fillos pequenos; o segundo, a homenaxe de recoñecemento á súa vida fecunda que diversas sociedades da colonia galega lle brindaron en 1923.

Mercedes Vieito Bouza deixou un universo literario amplo e pouco coñecido pero que transcendeu significativamente a decenas de miles de inmigrantes galegos e galegas residentes na illa caribeña.



Autor/a da biobibliografía: Sonia Enjamio Expósito

No comments: