Monday, May 18, 2009
Gallegos by Manuel Lugris Freire
Foto de Trisconia
Inicio
A Habana
A Coruña
Manuel Lugrís Freire
Liña do Tempo
Inicio > A Habana > Contexto > Cando os galegos se asociaron en Cuba
Cuba e Arxentina foron os principais destinos americanos da emigración galega. Durante o derradeiro terzo do século XIX Cuba foi o principal destino dos emigrantes galegos, despois de 1900 ocupou o segundo lugar detrás do Río da Prata.
As orixes da nosa emigración a Cuba podemos atopalas a finais do século XVIII, nesa época unha serie de portos galegos foron autorizados a comerciar con América. Un dos portos máis activos foi o de Ferrol, convertendo deste xeito á comarca de Ferrolterra e ao norte coruñés nas pioneiras da emigración a Cuba.
No século XIX o crecemento demográfico e a pervivencia do minifundio deron novos pulos á emigración a Cuba. Neste século elaboráronse algúns plans de emigración de galegos á illa, o máis importante dos cales foi o deseñado por Urbano Feijoo y Sotomayor. En 1854, de resultas deste proxecto, 1.744 galegos foron trasladados a Cuba para traballar nos campos de cana de azucre. As condicións que tiveron que soportar estes galegos foron moi duras; ademais de quedar suxeitos ao campo, moitos deles sufriron maltratos. En 1855 o Goberno revogou os contrantos, deixando en liberdade a estes emigrantes. Na década de 1885-1895 o 39 % dos galegos que emigraron fixérono a Cuba, mentres que a porcentaxe dos que marcharon á Arxentina era do 37 %, o que demostra o protagonismo da emigración a Cuba neste momento. Así, mentres a mediados do século XIX os galegos eran soamente o 10 % dos españois residentes en Cuba, en 1900 esa porcentaxe subira até o 29 %.
A independencia da illa en 1898 non detivo o fluxo de emigrantes galegos, que desde fins da primeira década do século XX até 1920 daría un grande salto con motivo do crecemento económico de Cuba debido á expansión da produción azucreira. Outros factores que favoreceron a emigración foron as redes étnicas tecidas a partir dos primeiros emigrantes, o desexo de imitar ao indiano enriquecido, a propaganda realizada polo país receptor e as compañías navieiras e a fuxida do servizo militar en África. Durante as tres primeiras décadas do século XX o 29 % da emigración galega dirixiuse a Cuba, mentres que o 58 % tivo Arxentina como destino.
Non obstante, a crise económica aberta desde 1920-1921 coa caída dos prezos do azucre e sobre todo a lei de nacionalización do traballo en 1933 farían reducir as cifras de emigrantes, que deixarían de ter a Cuba como destino preferente. A lei de nacionalización do traballo, coñecida como a lei do cincuenta por cento, obrigaba a que toda empresa tiña que ter, polo menos, a metade dos seus traballadores cubanos; mentres que os negocios novos tiñan que empregar só a cubanos. Así, na última etapa das emigracións transoceánicas, que corresponde ao período 1946-1960, tan só emigraron a Cuba 9.000 galegos. O triunfo da Revolución en 1959 supuxo a fin da emigración galega a Cuba.
Estes emigrantes procedían sobre todo das provincias de Lugo (destacando ás comarcas da Terra Chá e A Mariña), Ourense (que superaban ao resto nas provincias centrais e orientais de Cuba) e A Coruña (sobre todo o norte desta provincia). A provincia de Pontevedra estaba máis conectada co Río da Prata e Brasil, aínda que zonas como A Estrada ou o Deza mantiñan tamén unha destacada presenza en Cuba.
Esta emigración tiña como principal destino a A Habana, aínda que noutras localidades da illa tamén se asentaron importantes colonias galegas. A emigración feminina foi gañando presenza co tempo, incrementándose desde a crise azucreira dos anos vinte e sobre todo tras a lei de nacionalización do traballo en 1933.
Os galegos emigraban moi novos. Os homes antes de ser sorteados para o servizo militar e as mulleres despois de facer a maioría de idade. A inmensa maioría emigraban so
As colectividades galegas en Cuba crearon sociedades para reforzar a súa identidade e mellorar as súas condicións de vida
Será durante a década de 1870 cando a ampla colectividade galega comeza a organizarse formalmente. No ano 1871 crease a primeira entidade étnica, que terá un carácter benéfico. Trátase da Sociedade Galega de Beneficencia Naturales de Galicia, que reproduce o modelo doutras entidades destas características xa existentes. Pero non foi a única, ao longo desa década aparecen diversas entidades recreativas, musicais e culturais, en xeral de vida efémera como a Coral Ecos de Galicia (1872).
Haberá que esperar ata o 12 de outubro de 1879, data na que o xornal “El Eco de Galicia” da Habana, fundado en 1878, publicaba un artigo do seu director, Waldo Álvarez Insua, no que propuña a fundación dun Ateneo Gallego na cidade da Habana, para comezar a ver un auxe do movemento asociacionista. Como resultado desta proposta, o 23 de novembro reúnense no teatro Tacón da capital antillana un grupo de galegos que constituirá o Centro Gallego da Habana, que é, sen dúbida, a principal entidade galega e o modelo de entidade representativa dos emigrantes galegos.
As actividades realizadas polo Centro Galego comprenden as propiamente recreativas, xerme da súa creación, as actividades educativas destinadas a mellorar a formación a través da creación do Plantel Escolar Concepción Arenal e as mutuais asistenciais, que se comezan a incorporar no ano 1885. O éxito do Centro Galego levará un continuo incremento do número de asociados do Centro, que alcanza a cifra de 42.956, e tamén á creación dunha densa rede de delegacións por toda a xeografía cubana.
En 1917, pola imposibilidade estatutaria do Centro Galego de prestar asistencia sanitaria ás mulleres, a sociedade Solidaridad Pontevedresa, creada en 1912, convertese en Hijas de Galicia que ten como finalidade o establecemento dun Sanatorio para as mulleres galegas emigradas en Cuba.
Ao lado destas grandes entidades coexisten outras entidades de ámbito galego, principalmente de carácter recreativo como a Agrupación Artística Gallega Gallega, Glorias de Galicia, Aires da Miña Terra, Os Pinos Novos, Sociedad Cultural Rosalía de Castro, pero tamén políticas como Irmandade Nazonalista Galega, Patria Galega, Unión Redencionista Gallega, Partido Autonomista Gallego, etc.
Un novo modelo organizativo
Pero xunto con estas asociacións de ámbito galego, no comezo do século XX aparece un novo modelo organizativo. Nace a fundación das asociacións locais. Entre as súas finalidades, amais das actividades recreativas ou mutuais, destaca a idea de protección e fomento dos seus lugares de orixe, figurando entre os seus obxectivos: a construcción e o sostemento de escolas de primeiro ensino, organizar bibliotecas, realizar obras públicas (fontes, lavadoiros, camiños, pontes, cemiterios,..), construír edificios sociais (hospitais, sedes de sindicatos, casinos, casas do pobo,...), crear ou apoiar sindicatos agrícolas e fomentar, en xeral, iniciativas para mellorar as condicións de vida en Galicia e na emigración.
Nas súas localidades de orixe adoitaban establecer unha delegación da sociedade, formada xeralmente por emigrantes retornados, que era a encargada de facer efectiva as intencións e os proxectos da asociación de emigrantes. Este vencello cos seus lugares de procedencia queda clara na súa denominación, xa que aparece sempre unha referencia ao seu lugar de procedencia, precedido por conceptos como Asociación, Sociedade, Círculo, Club, Centro de Fillos, Naturais ou Residentes.
A primeira asociación destas características é a Alianza Aresana de Instrucción fundada en 1903, pero nos anos seguintes hai unha gran eclosión deste tipo de sociedades, localizadas preferentemente na capital antillana. As comarcas galegas representadas por estas sociedades abarcan prácticamente toda a xeografía galega, aínda que hai un predominio claro das principais comarcas galegas de orixe dos emigrantes que se dirixen a Cuba como a mariña lucense, a Terra Cha, Ferrolterra, a comarca do Eume, as terras do Ortegal, etc.
A gran eclosión deste tipo de asociacións nas dúas primeiras décadas do século XX conducirá a diversos intentos para conseguir unha federación deste tipo de asociacións, como o Comité Representativo de Sociedades de Instrucción.
Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo no que se mantivo viva a nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa. Son a Bandeira, o Escudo e o Himno.
Os símbolos son marcas de identidade, de aí a súa importancia decisiva. Deben resumir a esencia dun pobo, representar a súa identidade e ter unha significación que aluda ao pasado histórico. Resulta curioso ver que os nosos símbolos identitarios comparten o feito de que parte da súa aparencia actual foi modificada na Habana. Un feito que se xustifica pola necesidade dos emigrantes de buscar insignias que os representasen, un interese que acabou por desdebuxar e modificar algunhas formas influíndo nas que agora temos establecidas como oficiais.
A bandeira
O noso estatuto de autonomía establece que a Bandeira oficial galega é "branca cunha banda diagonal de cor azul que a travesa desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito" (Artigo, 6). Pero ata que houbo un texto normativo que regulase a forma exacta da nosa bandeira, existiron varias versións e múltiples discusións arredor da súa fisionomía. A bandeira tradicional de Galicia era de cor completamente branca co escudo no centro. Malia que non existen documentos oficiais que o demostren, pénsase que foi Alfredo Brañas un dos defensores da cor branca para a bandeira. Sen embargo, nos albores do século XX, comezan a aparecer as primeiras enseñas cunha franxa azul celeste. Aquí é onde entra a nosa historia dos emigrantes. A entrada “Bandeira” da Enciclopedia galega conta que “a pesar da falta de tradición e de consagración secular, o branco e o azul fóronse impoñendo entre as sociedades galegas da emigración e entre aqueles que comezaban a desenvolver o nacionalismo, como as Irmandades da Fala”. A incorporación dunha franxa azul está inspirada, segundo varios estudosos (Antonio Couceiro e Florencio Vaamonde), na que forma que tiña a Comandancia da Mariña da Coruña que os emigrantes incorporaron á bandeira galega e comezaron a utilizala nos primeiros actos oficiais.
Foi precisamente a morte de Manuel Curros Enríquez na Habana en 1908, un dos primeiros momentos nos que se empregou a bandeira azul e branca como símbolo de identidade. A bandeira ondeou nos edificios rexionais galegos e o poeta foi enterrado envolto nunha que regalou a revista “Galicia”. Ademais, a bandeira conformada por estas cores (azul e branco) comezou a empregarse como símbolo identitario nos intercambios que houbo cos cataláns no momento no que comezaban a xestarse ambos nacionalismos.
O Escudo
Se a primeira bandeira, a bandeira tradicional do Antigo Reino de Galicia, levaba un escudo, este tamén sufriu múltiples variacións ao longo da súa historia. Se as modificacións das bandeiras non estiveron alleas a polémica, o escudo foi o símbolo máis contestado e conflictivo. Os colectivos galegos emigrados na Habana tamén tiveron algo que ver nas múltiples representacións xa que para eles a representación dos símbolos era algo máis que unha identidade, era unha forma de exaltación e de reafirmación. Por iso, desde as asociacións da emigración tenderon á representación do escudo ofrecendo formas máis complexas e barrocas das que orixinariamente tiña. Isto chegou mesmo a que se acudise a intelectuais e artistas que deu lugar a debates como os acaecidos entre Murguía e Bernardo Barreiro.
Despois de múltiples formulas e interpretacións, a Real Academia Galega estableceu, nunha sesión plenaria celebrada en 1972, a súa representación gráfica: “no campo de azur, cáliz de ouro sumado de hostia de prata e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. Ao timbre, coroa real”
Curros e Veiga co Hino
A diferenza do que acontece coa Bandeira ou co Escudo, o Himno galego que compuxo Pascual Veiga sobre a letra de Eduardo Pondal non foi tan contestado nin tan criticado e rapidamente asumido polo pobo.
O himno final foi o resultado do esforzo que fixo José Fontenla Leal que lle encargou a Pondal o texto e a “Chané” a música. Como este último non o podía facer coa premura que se precisaba, finalmente foi Veiga quen se encargou da súa composición. O 20 de decembro de 1907 o “Gran Teatro” da Habana estreou o himno galego e, un ano despois a Junta General do Centro Gallego declarouno como oficial. Malia que houbo unanimidade co resultado, co paso dos anos si houbo unha discusión sobre a letra de Pondal. Tanto foi así que a discusión chegou ao Parlamento, que consultou inmediatamente coa Real Academia Galega (que ten o manuscrito orixinal de Pondal do himno galego) e o seu presidente expuxo “o himno xa non é de Pondal, é do pobo”.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment